martes, 17 de marzo de 2009

Gomorra

Foto de Saviano publicada no País Dixital

Xa tiña lido varias entrevistas a Roberto Saviano, entre todas elas impresionoume especialmente un vídeo que publicou El País Digital Baixo o título “Un día en la no vida de Roberto Saviano”. Nel documentánse 24 horas da vida do autor de Gomorra. A soedade, a morte en vida, o desencanto da amizade: A solidariedade é só unha palabra… Un home xoven, culto e moi atractivo, enterrado en vida por sacar á luz con nomes e apelidos toda a estructura dun clan delictivo que opera en todo o mundo e que el viviu dende pequeño en Nápoles, a súa cidade. Custa pouco imaxinalo percorrendo en vespa os lugares dos crimes, sintonizando a emisora da policía para seguir as tramas criminais, velo obsesionado, case fascinado polo carisma, polo valor literario dos personaxes. El mesmo o recoñece: Quixen deixarme derrotar polo carisma desa xente para poder contalo.

A personalidade e a vida que leva este autor, ameazado de morte dende o 2006, é a verdadeira película, o que máis me sorprende. Mafias, Camorras… corrupción é algo sabido, intuído.

Por iso fun a ver Gomorra o film dirixido por Mateo Garrone. Proxectouse o mércores pasado por iniciativa do cineclube. Non, nel non saen heroes, nen chicas, nen glamour algún que camufle a violencia. Son cinco cápitulos rodados en Scampia e Secondigliano, dous barrios de Nápoles, dous dos lugares máis perigosos do planeta, nos que non hai estado, nos que só impera o “Sistema” que é como os napolitanos chaman á Camorra, unha palabra elocuente, un mecanismo máis que unha estructura.

A guerra entre familias e o tráfico de drogas no que os nenos son reclutados para vixiar a chegada da policía, o xeito de introducirse e escalar postos no “Sistema”, comprenden os dous primeiros episodios. O funcionamento da industria textil de Tresigno, na que se fabrica en negro e con salarios de miseria, grande parte da moda italiana, constitúe o terceiro capítulo. Impresiona a cuarta historia sobre o negocio dos residuos tóxicos, industria que manexa o Sistema mercando chan para enterrar nel todo o lixo procedente do norte industrioso, un mecanismo que ocupa a fisura e o desentedemento manifesto dos governos que. mirando para outro lado, fan a vista gorda ante un problema que resolven, para o seu beneficio, estas ratas. Dous adolescentes louquiños do barrio de Saviano: Casal del Príncipe, son os protas do quinto episodio no que imaxinan películas de poder e luxo, crendo ser invencibles, desafían o sistema roubando armas, o seu fin é imaxinable.

Sen música que suliñe ou recree a acción, a banda sonora é un conglomerado de ruídos de barrio, voces e sons de tele 5. Crudeza, mirada neorrealista, actores sacados dun grupo de teatro de barrio, personaxes vivindo ó límite, conforman un film no que a pobreza, a ignorancia, o paro e moita humanidade tamén, fan que as víctimas se confundan con verdugos, no que, como pasa case sempre nas pelis, acabes non sabendo moi ben quen son os bos e quen os malos.


Barrio de Scampia. O maior mercado de droga a ceo aberto no mundo

1 comentario:

zaviews dijo...

http://zaviews.blogspot.com

Welcome to my website! On this site you will find information regarding NeWs I made this website to share the information from Pakistan n around de world to give you a better understanding. Feel free to leave Message on my Discussion n Message board.


Thank you for visiting, I hope you enjoy your visit.

Zulfiqar Ali Shaikh