foto: Florianna Barbu |
Morde as miñas palabras, tragaas, dixíreas coama se fosen túas, cúspeas.
Envolve teus brandos osos na miña sombra e saca do faiado a tristura.
Xa pasean animais ocultos baixo a terra, arrabuñan e rascan as raíces, removendo a túa saliva na miña boca.
Non, non te achegues a miña pel que exuda o amargor do axenxo. Garda a distancia, sé prudente.
Come, si, o alimento cárdeno que envelena a túa alma, sé constante.
Se voas baixo, ningún arame te tronzará.
Non, nen os ollos se che resolverán en humidadade, tampouco sentirás o frío.
Claudica ante o ermo que se che ofrece porque nas chemineas medra o feluxe e os fogares están apagados.
Ensaia escenarios de aceiro e agocha os ouvidos á música dos carambelos.
Non, non esgotes a túa lingua en verdades, así poderás sentir o sabor a cartón doce das máscaras.
1 comentario:
Obrigada Nel, o seu blog tamén é de moito interese
Publicar un comentario