jueves, 2 de diciembre de 2010

As formas do pensamento

Sentía como pequenos perdigóns golpeaban o seu corazón, esas boliñas solidifcación da dor polo abandono e o menosprezo que os reiterados exercicios  de transmutación en emanacións de Amor non conseguiran máis que reducir a súa intensidade. Se o milagro existía, ela non conseguira velo.
Neses momentos todo o seu ser desexaba ser liberado do eco da súa historia, desas formas de pensamento.
Constante, resolvía a cotío continuar a disciplina de cavar e enterrar e lavarse despois no río, para que auga as levara. Despois vestida de branco co puñal na man ancoraba o ceo na terra e, trazando o círculo de protección, inventaba cada día novos rituais que contuveran o fluxo de dor e resentimento, para rearfirmar a pouca inocencia que lle quedaba, para recuperar a liberdade alada da alma. Así:
Queimaba pétalos secos
Varría a retina con vasoiras de vento,
Metía no conxelador horas, días, nomes e lugares,
Exercitaba os seus beizos en mantras e decretos,
Atrapaba a luz dos menceres para alumear os rincóns máis escuros,
Chamaba polo seu anxo para que lle tocase o corazón con suves chamas de amor,
Poñía a alma ao clareo no sol da mañá,
Confeccionaba fermosos altares con follas froitas e flores
e neles quiemaba a cera da sagrada chama,
Invocaba a forza das súas ancestras tocando o tambor até a extenuación.
Entón caía, pechando os ollos, nunha durmevela na que se vía a sí mesma camiñando polas malladas das serras, polos outeiros das aígues, respirando ese ar transparente ou deitada na neve, nas estrelecidas noites de xeada, sentía como os ollos se lle tornaban brasa de estrela e as mans lle medraban tanto que podía acariñar o veludo azul do horizonte. Ata voar cara esa dimensión na que moraba ese seu ser puro e libre que era cando nasceu.

No hay comentarios: