domingo, 11 de octubre de 2009

14 Festival de Cine Inernacional de Ourense


Final do verán, comezo do outono. Da abundante colleita dos froitos da Terra baixo un ceo azul que parecía non ter fin, ás primeiras chuvias. Das tintas uvas ás douradas granadas. Violetas, ocres, vermellos, amarelos, verdes, un pouco de gris nos ceos e unha chea de films para disfrutar na cidade: Festival Internacional de Cine de Ourense.
Despois de meses e meses os ollos teñen fame e, claro, agora veñen os atracóns.

Nas insufribles colas das taquillas dos Box tiven tempo para pensar cal vería primeiro. Decidínme por Ágora, estrea á que lle tiña moitas ganas dende que se empezou a comentar o tema. Hipatia sempre foi un personaxe histórico de referencia no feminismo, a Biblioteca de Alexandría unha dor no inconsciente colectivo e a cidade exipcia da antigüidade pasou a converterse en mito literario da nosa xuventude co inesquencible Cuarteto creado polo xenial Lawrence Durrell.

Pero non quero falar do filme de Amenabar, non podería, xa que ó rematar de vela non puiden resistirme a ver unha das películas da sección PIO (Perlas Inéditas en Ourense) que tamén se proxectaba noutra sala: Ashes of time-redux (Cinzas do tempo-Redux) do director honkonés: Won Kar-Wai, do que vira a excelente in the Mood for Love e da que me quedara prendada pola poética visual, o traballo de actores e a exquisitez no tratamento do tema.
Ashes of tme-Rdux é polo visto unha segunda versión que o autor, agora recoñecido pola crítica internacional, revisou e puliu para a ledicia do ollo espectador.
Era tarde cando saín e, ó chegar, quedeime con ganas de entrar ós cómaros e comentala, pero so tiven tempo para escribir:
Poesía visual construida en estrofas no tempo estacional dunha terra amarela no seco espazo do deserto. Sísifo termando da pesada carga: soedade en batallas debuxadas cos trazos de luz que deixa no celuloide a baixa velocidade de obturación da cámara de Christopher Doyle. Solos de violonchelo e silvidos de sangue. Lúas cheas de ollos rasgados que pagan en espadas a vinganza do desamor. Beleza.

No hay comentarios: