miércoles, 7 de enero de 2009

O Vento e o Silencio

Foto: Luis Vence
O vento e o silencio.
O peso do corpo sen mente que o mova.
O vento e o silencio
E o cemiterio.
As vivúvas camiñan pola carretera
Regulamente.
Unha raiola de sol sobre a montaña ferida.
As fouces sen gume durmen no curral grande,
As gadañas sen cravuñar penduran das trabes.
Os poucos homes bébedos anícanse,
Escóndense no fume do bar
E berran e maldicen e blasfeman sen mirar as estrelas.
Ladran os cans
Eternamente.
A aldea durme,
A cidade durme.
O vento e o silencio campan neste mundo meu.
Unha voz chegou,
Unha voz telúrica,
Temporal,
Porondandabas?
Busqueite no google.
Erásme descoñecido
Erásme descoñecido moi eduacado e protocolario
Ensaiado en Tubinga e nos paraninfos das universidades.
Busqueite na luz deses ollos teus...
O vento e o silencio,
E as horas.
Cantar ese alem mudo.
Polo Portomuíño andaban os cans e as casadas
Endomingadas para que as viran os coches
Intermitentemente.
Aquí non hai arte só os farallóns das penas de Pedome
Que tamén están no google earth
E os lobos que non saben fonética,
Tamén estan os merlos
E os pobres raposos tan citados nos xornáis.
Aquí non hai arte, só silveiras que medran e medran.
Aquí non se cita a ninguén
Só o vento e o silencio que penetran polo Sil,
Enfiando polo Canón,
Rañando Gándaras,
Dando a volta polo Retorniño,
Remuiñando na Albariza do Vello,
Remansando no Chan de San Silgo.
Xa hai tempo que non prendo o lume
Góstame ver durmir a leña
E ós gatos anicarse nela.
Xa hai meses que no se escoita a curuxa
Que antes viña ó balcón
Só o vento e o silencio.

No hay comentarios: