miércoles, 7 de enero de 2009

Contradición política

A xente de ben, as persoas solidarias, estamos alporizad@s ante o xenocidio en Palestina de víctimas “inocentes” (Esta precisión sobra. Que queren dicir? Que hai seres non inocentes que merecen a morte?). Esta cruel demostración de poder xa dura anos e facemos chamamentos de protesta e manifestámonos para condenala, tamén en Vigo.
Creo que xa é hora de preguntarse onde está moita desa xente solidaria cando as mulleres nos manifestamos ante os asasinatos de víctimas dunha violencia que dura séculos. Onde a condolencia con tantas criaturas atemorizadas e angustiadas polas ameazas, os golpes, o sangue, o crime na casa? Sen saír de aquí comprobamos o arrepío. Gaza está na casa de milleiros de mulleres, aquí e no mundo enteiro.
Por que vos doedes da mágoa distante e non vos condoe a próxima? Por que o xenocidio en Palestina é político e o xenocidio de mulleres, por seren mulleres, non conmove as vosas conciencias?
Non me dirixo ás persoas misóxenas, senón ás mentes limpas e solidarias, para reflexionar sobre esta contradición política na consideración do poder: que as víctimas cobren valor según quen as mate e por que as maten. Haberá un certo corporativismo co propio sexo? Contra o goberno de Israel, ou calquera outro do mundo, cruel ou explotador, non hai implicacións persoais. Haberá mulleres que teman seren confundidas con feministas. Outros, tal vez, non se manifestan por pudor ou indecisión, ou...
Pídovos, neste aninovo, esta reflexión, e a implicación contra o terrorismo sexual que acabará o día en que a maioría da poboación mostre a súa repulsa.

María Xosé Queizán

No hay comentarios: