lunes, 27 de abril de 2009

Lémbrome de1974, ano da Revolución dos Cravos ( I I )


A Praça do Roçío empapelada de pasquíns revolucionarios e unha inmensa bandeira vermella coa fouce e o martelo colgando da sede do PCP, sería xa por sempre a imaxe que sempre acudiría a miña mente ó lembrame daqueles días. E a xente, campesiños, obreiros en paro e militares en manifestacións multitudinarias convocadas polo MFA.

Asistimos a unha reunión dun sindicato labrego no que se trataban cuestións sobre as expropiacións das terras. Ó saír invitáronos a cear na Alfama, na casa dnha xente do PRP e, con moita discreción, pasamos por un local ás aforas. Foron tantas as precaucións que cheguei a sospeitar que alí se cocía algo.

A cea foi moi frugal e humilde, unha pasta cociñada cun pouco de verduras. Despois de cear falamos moito da situación das colonias, das sopeitas de que Spínola estaba en relacións con Suráfrica para intervir en Angola. E, como non, púxeronnos ó tanto das manobras de Spínola no intento de contragolpe. Sospeitaban que a reacción e a Lexión Portuguesa puidesen entrar armados en Lisboa e confesáronnos que estaban preparados, que os soldados lles deran armas para defender as conquistas da Revolución.

Sentíamonos mergullados nas microfisuras da Historia, nas marxes do acontecer. Quixemos naquel momento quedarmonos en Lisboa. A xuventude que nos corría polas veas urxíanos a solidarizarnos e comprometernos máis a fondo con aquel proceso que nos marabillaba. De volta á casa, polas rúas da vella Alfama, escoitabamos o eco dos nosos pasos que soaban ó ritmo de Grándola Vila Morena.

De poucas cousas máis me lembro. Unha das tardes daquel frío outono, foramos ó cine. Había programa doble con dúas películas de cuño francés: "Mourrir a Madrid" de Federic Rossif e "Sweet Movie" de Dusan Makavejev.

Carteeime con Elisabeth un par de anos, a Seara Vermelha fracasara e ela voltara a EEUU.

Nós, a Madrid a seguir a loita contra o fascismo.



No hay comentarios: