sábado, 7 de febrero de 2009

Manifesto fundacional da Plataforma pola defensa da Ribeira Sacra

Pasarregueiros. Foto: Selina

Manifesto Fundacional da Plataforma: A Ribeira Sacra, xaneiro de 2009. Os colectivos abaixo asinantes constitúen a Plataforma pola Defensa da Ribeira Sacra co obxectivo de conservar o patrimonio natural desta zona e amosar o total rexeitamento aos proxectos de ampliación dos encoros no río Miño e Sil. En concreto os proxectos de novas turbinas de Santo Estevo II, Santa Cristina, San Pedro e os proxectos de bombeo de Iberdrola en Parada do Sil e, de Unión Fenosa denominados Os Peares III e Belesar III, contan co noso total rexeitamento e oposición. O motivo deste rexeitamento é o elevado impacto ambiental dunha zona protexida pola Rede Natura 2000, nos Canóns do Sil, e máis outra a piques de ser declarada Rede Natura na ribeira do Miño. Estas obras xenerarán grandes cantidades de escombros con voladuras frecuentes, apertura de pistas de acceso e máis liñas de alta tensión que teñen un carácter manifestamente incompatible coa protección ambiental da Ribeira Sacra. Ademais existen consecuencias económicas importantes destes proxectos na afectación ás infraestructuras turísticas da Ribeira Sacra que chegarán a paralizar o turismo na zona nun periodo de tempo de entre 5 e 7 anos, debido ao longo periodo de execución destas obras e á necesidade do baleirado dos encoros que afectarán enormemente aos catamaráns turísticos. Esta plataforma constitúese para solicitar a retirada dos proxectos de ampliación dos encoros, recoller información acerca dos valores naturais da zona para a realización de alegacións, realizar tarefas informativas sobre estes proxectos e pedir a paralización do único proxecto aprobado até o momento Santo Estevo II. Neste ánimo e coa defensa da Ribeira Sacra, do seu patrimonio natural e cultural desenvolveremos iniciativas para que se protexa un dos espazos máis característicos do interior galego no que a súa paisaxe constitúe un recurso de primeira orde.
Asociación Cultural O Castro (Pantón), Asociación Cultural Xastreu (Castro Caldelas), Asociación de Veciños Anacos da Cidade (Ourense), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Concello de Chantada, Concello de Monforte de Lemos, Concello da Pobra de Brollón, Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR), Fundación Xermán Estévez, Lugosur (Asociación de Turismo Rural da Ribeira Sacra e O Courel), Turisacra (Asociación Empresarial de Turismo Rural da Ribeira Sacra)

No hay comentarios: