sábado, 20 de diciembre de 2008

Nova Tempada do Cine Clube Padre Feijoo

Honeydripper Blues bar

Neste outono frío, no que as semanas pasan difuminandose coa néboa polo río, os mércores estanse a convertir en illas de ilusión. Ilusión de coller a entrada e disfrutar da programación desta nova etapa do Cine Clube Padre Feijoo. Esta vez nunha boa sala, a 8 dos cines Box de Ourense que se enche ata a bandeira. Lémbrome daqueles primeiros tempos nos que a promoción do 71 de maxisterio xunto co cura Emilio Losada organizábamos as primeiras sesións nos lugares máis increíbles e inhóspitos como a parroquia de Fátima, pertrechados de bufandas e gorros, nos que o alento se coallaba no ar, nos que nos sentíamos coma toupas facendo furados de cultura no ermo que asolaba os días da nosa xuventude, nos tempos das descubertas, deses tesouros que xa nunca nos abandonarían.

Pois iso, un tesouro pareceume unha das películas que tiven a sorte de ver: Honeydripper Blues bar, premio ó mellor guión no Festival de cine de San Sebastián do 2007, dirixida por John Saylles e producida por Maggie Renzi, cun Danny Glober maduro e estupendo interpretando a Tyrone, de nome artístico "Pinetop" Purvis, pianista de problemático pasado, dono da taberna na que aínda se canta blues en directo pero que ninguén escoita. O público bebe e ri escoitando os novos novos temas electrizantes na gramola da competencia.

Alabama 1950, campos de algodón maduro, unha base do exército, unha pequena vila: Harmony e moitas historias paralelas e confluíntes. Os nenos (o futuro) abrindo e pechando o filme asisten a xénese do rock n' roll: o nacemento da guitarra eléctrica que facía tremer as paredes dos bares cos seus acordes. Historias de sentimentos, moi emotivas e profundas coma a da cantante Bertha Mae e a súa historia de amor de tráxico final. A do socio Maceo coa costurereira, chea de diálogos de sabia ironía, a do propio Tyronne coa súa muller e a filla desta, ou o fondo segregacionista, marxinal e inxusto encarnado na figura do sheriff. Personaxes máxicos como o músico cego... ¿musa que se anticipa ós acontecementos? ¿implacabale conciencia de todo músico?. Todo na fin de semana crucial para o Honeydripper. Tyronne necesita encher o bar para pagar as moitas débedas, sobor de todo a do aluguer que ameaza o futuro do local. Despide a Bertha e anuncia a chegada do famoso guitarrista Guitar Sam. É preciosa a secuencia na que, despois de moitas peripecias, vai a agardalo a estación do tren e... non chega (encántanme as secuencias de estación de ferocarril no sur profundo).

Tyrone non cre en Sonny (Gary Clark jr.), un xove que se presentara no bar despois de ter baixado dun vagon de carga dicindo que tocaba tan ben como como Guitar Sam, e non cre nel como os maiores desconfían da xuventude, pero é a salvación. Despois de convencer ó sheriff para que o solte, visteo e faino pasar pola figura esperada. Son os tempos da radio e en Harmony ninguén vira nunca ó seu ídolo.
Había moito ‘Guitar Sam’ e ‘Guitar Slim’ naquela época. Os músicos movíanse moito e escoitaban o que facían os demáis. Hank Williams era de Georgiana. Jimmy Swaggart y Jerry Lee Lewis colábanse en clubes para negros. Chuck Berry fíxose famoso por recrear o ritmo de percusión do piano con su guitarra. O piano, noutrora rei, transfería os seus poderes.

Un dos momentos estrela é cando Gary Clarck jr. saca ós clientes a bailar no aparcamento, salta a un coche, e sen deixar de soar os electrizantes oubeos da súa guitarra, a cámara en grúa móstranos os neóns da noite, a marquesina do Honneydripper e o bar da competencia valeiro.
Unha delicia de peli repleta de músicos, máis de corenta participan na interpretación de todos os seus temas compostos casi en exclusiva para a película, destaca o saxo Eddie Shaw e a armónica de Jerry Portnoy, veterano da Muddy Waters.
Unha ledicia, felicidades os programadores e que se repita, eu volo contarei.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Aproveito esta última entrada musical do seu blog para comentar outro tema, pois a música sempre me levou a bos sitios.

<< Ver a luz insomne da sua fiestra noite trás noite e imaxinar todo o seu mundo poético vivindo tras o cristal. Así te quero ver, nesa luz, na noite >> Ven podería ser unha parte de “Deus sentado nun sillón azul”. E Ourense de novo. Este foi un de eses comentarios que me chamou especialmente a atención, quizá por ser máis profundo, máis íntimo.

Bo Nadal. Spiros.

Selina dijo...

Podería ser, pero o seu sillón non sería de ninguha maneira azul, imaxinoo de veludo verde que é a cor da luz do corazón.