domingo, 21 de diciembre de 2008

Poemas de inverno


Xa non bebe a corza.
A auga xeou na fonte.
Xa non voa o gavián,
impóluto signo libre, no vento.
Xa a dozura do mel
callou na noite.
Xa os meus ollos secaron co frío.
Xa a coruxa se agacha
nos lugares máis íntimos do bosque,
e o alento dos bosques enmudece.
Os trisqueis poñen ollos á fiestra da noite,
e nos panos de luz
que a lúa deita na montaña,
escintilan estrelas de xeada
tan frías coma as túas mans.


Cando acontece a sombra, rascan na porta as ramas de romeu e ruda en escarcha, e asoma a alma das amanitas.
Ispome entón e luzco o brillo do acibeche, resina pura de noite pecha.
O arco de Orión tensándose na bóveda do peito.
Abrénse tódalas lagoas ó ceo, coma ollos , coma espellos de estrelas.
Levo dornas cheas, adéntrome cantando en ardoras.
Ondas de seda abanean a lúa en escuros agarimos de silencios.
Nos soutos, as sombras dos castiñeiros xúntanse todas e, coma un río, escorregan cara a algún lugar, no profundo da terra.

No hay comentarios: