lunes, 12 de octubre de 2009

14 Festival Internacional de Cine de Ourense (II)

El regalo de la Pachamama de Toshifumi Matsushita

É difícil escoller entre a variada oferta de filmes, os criterios varían en función da disponibilidade horaria de cada quen, un pouco de intuíción e a selección daqueles films que teñen a posibilidade de ser exhibidos nas salas comerciais.

Das longametraxes que concursan decanteime por El Regalo de la Pachamama.
O film conta a historia dun neno quechua: Kunturi que vive nas proximidades do salar boloviano de Uyuni. Kunturi axuda ó seu pai no duro traballo da extración do sal, vai a escola e corre, corre moito cos seus amigos xogando polas vellas vías de ferrocarril. A morte da súa avoa fai que sexa o avó o que teña que quedarse ó coidado dos traballos agrarios e sexa Kunturi o que teña que acompañar ó pai coa caravana de llamas coas que, unha vez ó ano e por un período de tres meses, percorre os montes andinos para levarlle o sal ós pobos máis afastados, practicando o trueque e recibindo a cambio millo, mel e vivencias inesquencibles. Esta será a viaxe iniciática na que o neno afrontará intensas experiencias como a xenerosidade, a soliedaridade, as normas básicas da moral dos pobos indíxenas e percibirá fortes sentimentos de pertenza e amor á nai Terra e a todos os seres que nela habitan. A inocencia do primeiro amor será outro dos engados que traerá de volta á casa.
O idioma quechua, as cancións, a autenticidade, os longos planos xerais de Kunturi correndo polo salar ata desaparecer no horizonte, as paisaxes poderosas das montañas, son elementos para o disfrute e a reconcicliación co cine de calidade.

Da sección Perlas Inéditas en Ourense escollín Génova do cineasta inglés Michel Winterbottom, do que vira hai xa uns anos Código 46.
De Winterbotom góstame esa sensibilidade que manifesta ó tratar temas familiares e situacións límites. En Génova narra a historia dun pai (interpretación exelente de Colin Firth) que a raíz da morte da súa muller, en accidente de coche, deixa Estados Unidos para irse a vivir a Génova coas súas dúas fillas. Da narrativa enterneceume o esforzo de Joe, o pai, para capear as delicadas situacións que esta nova vida lle acarrea, cunha filla adolescente e outra traumada por un forte sentimento de culpabilidade pola morte da súa nai. A medida que o film transcorre a cidade de Génova toma tal protagonismo que chega a converterse nun dos principais personaxes, efecto conquerido a base de primeiros planos de audio, de cámara en man encadrando as estreitas rúas, personaxes callejeros e rincóns.
Saín cunha leve dor de cabeza, a butaca da fila tres e demasiadas secuencias de cámara en man, foron a causa.

Génova de Michel Winterbottom

No hay comentarios: