martes, 1 de noviembre de 2011

Demeter e Perséfone

 Deméter a Dadora de Vida  e Dispensadora da Morte cíclica.
Ela é o útero e a súa filla Perséfone é a Doncela do Renacemento e a Rexeneración indentificada coa lúa, a primavera, as serpes e o Mundo Subterráneo.

Esta Gran Deusa, desdobrada en dous ou tres aspectos, representa o poder sustentador da vida presente nas  forzas e enerxías da Terra, cos seus florecimentos e repregues estacionais, que influían na vida das persoas e nas súas formas culturais.

 En Perséfone temos á ancestral deusa que descende ao Mundo Subterráneo actuando de redentora ou resurrectora; un rol mítico tamén característico en Inanna, Ishtar e Isis. A Gran Deusa enxendra non só fillas divinas senón tamén fillos e amantes-consortes identificados co potencial da vexetación, o cereal e o renacemento cíclico. Dentro dos Misterios de Eleusis está o culto de Dioniso, deus dos novos brotes e arquetipo masculino, e o de Adonis como amante de Perséfone-Afrodita para celebrar eo "hierosgamos" a unión sexual sagrada da parella divina.

Como Deusa Nai, Deméter enxendra a súa filla xunto coa creación simbolizada na primavera. Ambalasduas viven xuntas e poñen en marcha os ciclos da vida cósmica, vexetal, animal e humana. A filla é iniciada pola Nai pero a medida que crece e madura, comeza a alonxarse dela. Percorre distintos lugares animando a creación e por onde ela camiñaa todo crece e florece.

Un día escoita uns lamentos que proveñen do fondo dunha cova, encende unha antorcha e descende ao Mundo Subterráneo dos Mortos. Cando estes ven a luz alégranse coa presencia da xoven deusa e encontran nela a esperanza do renacemento, ela será a súa raíña-sacerdotisa  e lles ofrendará o froito da Árbore da Vida: a granada. Neste ámbito trae o outono e comeza o  cíclo,  permitindo á natureza e aos seres vivintes despoxarse do vello. Un proceso tamén vivido polas almas dos mortos ás que Perséfone está iniciando para o seu ingreso noutra forma de vida. Demeter, pola súa parte, reprégase e, en ausencia da filla, asume a faz de Hécate, deusa outonal e invernal da terra e das encrucilladas. E neste sentido, non é a nai atormentada pola perda, senón a Anciá Sabia  que oculta as raíces e as herbas curativas debaixo da terra e dentro das covas onde a vida se refuxia ata que o ciclo de vida se complete.
Esta retracción da Nai, e o descenso da filla é a manifestación da Deusa como a "Tomadora de Todo", a dispensadora da "morte temporal", que resgarda no fondo de cada ser vivo a chama da vida en estado de latencia e espectación, coma o grao de cereal, morto durminte, en espera de ser aventado e resucitar nunha nova planta.
Co retorno da primavera a filla emerxe e a Nai volta a poboar o mundo. A vida durminte nace sobre a terra: as femias paren, as plantas florecen...a natureza renóvase e hai festas, alegría e esperanzas compartidas.

O mito ancestral da transformación cíclica de Inanna e Dumuzi; Ishtar e Tamuz; Isis e Osiris como así tamén os cultos do folklore pagano europeo estudado por Sir James Frazer en "A Rama Dourada" seguen o mesmo patrón arquetípico de Démeter e Perséfone. Pola súa parte, os evanxelistas rodearon a figura de Xesús coas metáforas sagradas do mito matrístico para predicar a morte e resurrección do fillo divino identificado co grao de trigo e así difundir unha nova relixión sen a Deusa Nai.

No hay comentarios: