miércoles, 11 de marzo de 2009

Dona Olga Gallego Domínguez

Foto: Miguel Villar

Onte presentouse en Ourense o nº 1 do que pretende ser unha publicación con continuidade: XÉNERO HUMANO, caderno de igualdade. Digno esforzo da equipa da Concellaría da Igualdade. Nel recóllese e, polo tanto visibilízase a testemuña de moitas mulleres ourensás, coa pretensión de chegar a ser unha ferramenta de papel para construír cidade e cidadanía.
O acto de presentación enmárcase no programa que o Concello da cidade deseñou para celebrar a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Tanto na publicación coma nos actos da semana noto unha ausencia, a ausencia dunha prestixiosa muller ourensá: Dona Olga Gallego Domínguez.
É esta ausencia a que me obriga a citala dende este pequeno lugar, a paliar este olvido.
Dona Olga naceu en Ourense no ano 1928, estudou filosofía e letras na Universidade de Santiago, e dende entón pasaron polas súas máns arquivos e arquivos que, xunto a súa personalidade fortemente vencelleda á recuperación da cultura galeguista da posguerra, fixeron posible o seu ecomiable traballo de documentalista refectido nunha chea de publicacións. Catalogou os fondos da Fundación Penzol de Vigo xunto con Francisco Fernández del Riego, sucede a Xesús Ferro Couselo na dirección do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, ingresou no ano 1986, como correspondente na Real Academia de Historia e é a primeira muller que ingresa como numeraria na Real Academia da Lingua á proposta, entre outros, de Manuel Chamoso Lamas.
Aínda que as feministas ourensás se esquezan dela, xa ten no seu poder o lazo da Orde de Alfonso X , concedido e 1969, a Medalla de prata de Galicia en 2000 e a Medalla Castelao no 2006. En Ourense é tamén recoñecida no 2008 e concédeselle o Premio Trasalba, pois é padroeira da fundación Otero Pedrayo.
A súa discreción máxima (gosta de traballar en silencio, sen que a alboroten), xunto coa súa independencia, case logran facela invisible.

Por iso, hoxe quero recoñela, celebrala, facela visible. Dona Olga Gallego Domínguez é un exemplo para as nosas nenas, para todas as mulleres da nosa cidade. Por ela levanto a miña humilde copa e brindo, e digo, como soe dicirse: "De hoxe nun ano, Dona Olga". A ver se vivimos para velo.

No hay comentarios: